Sunday 12 de May de 2024

A Corporación boqueixanesa aprobará unha moción contra o peche da sucursal de Abanca en Ponte Ledesma


Os dous grupos políticos municipais apoian á veciñanza, que presentou onte por rexistro un escrito cun milleiro sinaturas
A Corporación dará luz verde unánime no vindeiro pleno municipal a unha moción contra o peche da sucursal de Abanca en Ponte Ledesma. Os dous grupos políticos representados (PP e Veciñ@s de Boqueixón) unirán forzas para solicitar á entidade bancaria o mantemento desta oficina.
No documento que se aprobará na vindeira sesión plenaria ponse de manifesto a preocupación veciñal porque “a oficina de Ledesma permanece pechada, a pesares de que finalizou o estado de alarma e se está avanzando cara a nova normalidade”. De cesar a actividade nesta sucursal, “as parroquias de
Ledesma, Oural, Sucira Donas, Gres, Cira, San Miguel de Castro, Camanzo, Añobre, Bendaña, Vilar e outras, vense directamente afectadas e a súa veciñanza ten que percorrer longas distancias (en moitos casos, de máis de 15 quilómetros) para facer xestións bancarias como pago de recibos ou cobro de pensións”.
O peche desta oficina afectaría, tal e como se explica no escrito, a residentes en parroquias de ata 5 concellos: Boqueixón, touro, Silleda, A Estrada e Vila de Cruces. Ademais, “son as persoas maiores o colectivo máis afectado, xa que son as que máis dificultades presentan no acceso aos servizos bancarios en liña”, conclúe a moción.
O acordo establece a solicitude a Abanca Corporación Bancaria “a reapertura á maior brevidade posible da sucursal de Ponte Ledesma”. Do mesmo xeito, esta moción trasladarase aos Concello de Touro, Vila de Cruces, Silleda e A Estrada para que sexa secundada polas súas respectivas Corporacións locais.
Pola súa banda, a veciñanza afectada presentou onte por rexistro no Concello de Boqueixón un escrito no reclamar o mantemento da oficina de Ponte Ledesma. Dito documento está acompañado por un milleiro de sinaturas que se posicionan contra o peche desta sucursal de Abanca, xa que quedarían sen
un servizo básico.